As
bandas de música marcaron un século enteiro da vida
sociocultural de Cerdedo. No período que abrangue a
segunda metade do século XIX e a primeira metade do
XX funcionaron nesta vila alomenos catro bandas de música,
ás veces de xeito simultáneo. Ademais, os músicos
de Cerdedo mesmo fundaron bandas en outras
localidades, coma Campo Lameiro ou A Cañiza. A
pesares dunha historia musical tan prolífica, as
referencias bibliográficas ao respecto son tan
escasas que poden ser consideradas como anecdóticas.
O libro "As Bandas de Música de Cerdedo"
ven a encher este baleiro. Dende a "Asociación
Cultural Os Abrentes de Cerdedo", pensamos
que xa vai sendo hora de que Cerdedo comece a recoñecer
que ten atrás unha historia musical impresionante.
Unha historia que, a piques de ser esquecida, nunca
tivo recoñecemento público dabondo.
"As
Bandas de Música de Cerdedo", que verá a
luz nos vindeiros meses, é o resultado de máis de
cinco anos de pescudas levadas a cabo por tres compoñentes
do grupo de gaiteiros "Os Abrentes de Cerdedo".
Nesta obra, téntase
reconstruir a historia das bandas cerdedenses nun
apaixonante percorrido que nos leva a rememorar
multitude de situacións e anécdotas. A historia das
bandas é tamén a daquela xente que formaba parte
delas. Así, ademais presentar a todos os directores,
apórtanse datos biográficos de preto de 140 músicos
que formaron parte dalgunha destas agrupacións. Todo
isto ilustrado cunha gran cantidade de fotografías, a
meirande parte delas con máis de 50 anos de antigüidade.
Compre
dicir que "As Bandas de Música de Cerdedo"
é un proxecto que vai máis alá do propio libro. Nos
anos de investigación recuperáronse e restauráronse
algúns dos instrumentos que pertenceran ás
diferentes bandas, así como parte das partituras que
conformaban os seus repertorios. Trabállase ademais
co propósito de recuperar algunhas das composicións
para banda dos mestres cerdedenses.
Se
alguén de vostedes pensa que posúe material que
poida ser interesante para ser incluído no libro que
estamos preparando (fotografías, historias, datos
bibliográficos dalgún músico da súa familia,
etc.), se están interesados en reservar un exemplar
desta obra, ou se desexan obter información adicional
non dubiden en contactar con nós, ben ao traveso das
direccións que figuran na nosa páxina web www.osabrentes.com
(osabrentes@osabrentes.com
ou Rúa As Longas, nº 10, 36130 Cerdedo –
Pontevedra), ou ben contactando con Manuel Campos
enviando un correo electrónico a mctoimil@hotmail.com.